Wednesday 26 de June de 2024

Unha exposición fotográfica revela o proceso de cultivo do mexillón na Pobra


A fotografía regresa á casa da cultura Raquel Fernández Soler a través dunha mostra que captura a esencia mariñeira. Sainza Pardal retrata en Barlovento tódalas fases do proceso de cultivo do mexillón, amosando o arduo traballo que hai detrás desta actividade, pero tamén mergullando ao público nun mundo de matices e emocións polo enfoque introspectivo das imaxes.

Unha escolma de arredor de sesenta instantáneas, entre as enmarcadas e as que integran o collage, dun proxecto fotodocumental que pretende revelar unha tarefa de gran importancia a nivel económico para A Pobra do Caramiñal, pero tamén cultural. Precisamente, sobre esta última vertente centrou a súa intervención o alcalde, José Carlos Vidal, durante o acto inaugural na tarde deste 7 de xuño, acompañando á artista. “Asistimos a unha exposición que amosa parte da nosa historia como pobo porque o mexillón é un dos produtos estrela da nosa ría e son moitas as fábricas que teñen incorporada á súa produción as conservas a base deste molusco ou, incluso, cuxas orixes xiran arredor do mesmo. Polo tanto, forma parte da nosa cultura; unha cultura mariñeira”, apuntou o rexedor.

Engadiu que “somerxémonos así visualmente no seu cultivo, facendo unha viaxe polo esforzo que implica, pero tamén polas emocións.”

O grupo de música tradicional Arrancadeira participou na apertura desta exhibición fotográfica que permanecerá ata finais de mes, con horario de visitas de 10.00 a 13.00 e de 19.00 a 21.00 horas.